Por primeira vez, a Xunta de Galicia vén de poñer a disposición de todos os cidadáns un banco de case 10.000 fotos actualizadas da costa galega. Estas fotografías aéreas foron empregadas nos estudos dentro do Plan de Ordenación do Litoral e tanto as imaxes como toda a información pode consultarse na web do Plan de Ordenación do Litoral (www.xunta.es/litoral, apartado descargables).
Trátase dun banco de imaxes aéreas en ángulo oblicuo cun alto valor informativo, divulgativo e paisaxístico, ademais de grande beleza. Esta colección elaborada a partir de diferentes voos que cobren a totalidade do costa galega conta ademais con compoñente espacial (coordenadas xeográficas) podendo ser incorporadas en bases de datos xeográficas e ser visualizadas en programas, como Google Earth.
Esta posta a disposición pública da base fotográfica de alta calidade forma parte do obxectivo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de acadar un maior entendemento e, en consecuencia, protección e posta en valor do territorio.
As fotografías foron publicadas baixo unha licenza libre CreativeCommons3 que permite calquera uso sempre que se cite ao “Plan de Ordenación do Litoral de Galicia” e á Xunta de Galicia e que os traballos derivados se compartan coa mesma licenza. Tampouco se autoriza un uso comercial deste material. Isto supón un avance cara á racionalización do gasto e o aproveitamento dos recursos da Administración polos cidadáns. No enlace “descargables/documentaciongrafica/fotosoblicuas” incluíse, ademais, un arquivo con instrución de uso do banco de imaxes.
[Nota de prensa da Xunta]